Ubicado na parroquia de Artes, no concello de Ribeira e preto do Parque Natural de Corrubedo.
Sito na planta baixa do Centro Recreativo e Cultural de Artes.
O Museo emerxe cando o seu artífice Manuel Reiríz Dios (presidente do Centro Cultural) logra adecuar un departamento para amosar unha exposición etnográfica e consegue convencer a veciñanza da súa idea. Moitos deles colaboraron reunindo pezas, sumándose a este proxecto e así contribuir coas súas achegas a este fin.
O comezo do Museo materializouse polo ano 1998, e foron evidentes as paulatinas transformacións do mesmo, sendo na súa orixe unha pequena estancia, que logo medrou para poder acoller todas as pezas que ata o presente alberga nos seus fondos.
A medida que nos imos adentrando nel, o tempo semella deterse, conducíndonos a un período xa pasado. Un pasado que nos lembra o que fomos e mesmo o que pretendemos ser.
Ó longo de todos estes anos o Museo Etnográfico de Artes, continuou desenvolvendo as tarefas de recompilación, conservación, inventario e xestión do patrimonio etnográfico, das que se ven ocupando dende a súa creación. Co tempo o Museo experimenta distintas transformacións que permitiron unha mellor estruturación do mesmo.
Na actualidade este é un punto de referencia na zona, un recoñecemento a os galegos como pobo, onde o visitante pode aproximarse ao modo de vida e traballo da xente desta parte de Galicia.
Foi aprobado no pleno municipal por unanimidade a solicitude de nomeamento dun espazo público da cidade de Ribeira na honra da memoria de “HMR Talleres El Nervión”, iniciativa levada a cabo por parte do Centro Recreativo e Cultural de Artes e Museo Etnográfico, sendo apoiada por mais de 40 asociacións de Ribeira.
O Museo Etnográfico de Artes agradece a tódalas entidades firmantes, así como a toda a Corporación do Concello de Ribeira.